Enténdense por actividades complementarias todas aquelas que formando parte da programación de aula e, desenvolvéndose dentro da horario lectivo, teñen un carácter diferenciado polos momentos, espazos ou recursos que utilizan. Estas actividades non están subvencionadas polo concerto educativo polo que se dispoñen de Tarifas complementarias aprobadas polo Consello Escolar e a Inspección Educativa.

As actividades complementarias, son as seguintes:

 

Proxecto Somos

Proxecto somos

Cada curso, o alumnado do CPR Plurilingüe Andaina elixe unha temática común en torno á que se identifica toda a comunidade educativa.

Alumnos e alumnas aproveitan este momento de elección para traballar principios democráticos que entroncan co noso ideario: participación crítica, argumentación razoada das propostas, respecto ás diferentes opcións, traballo cooperativo e asembleario.

Despois da reflexión e o debate, ven a elección, ten lugar a votación, faise o reconto de votos e... xa temos identidade para o novo curso.

Saídas escolares: aprendendo no noso contorno

Saídas escolares

As saídas son actividades funcionais e significativas vencelladas ao descubrimento e coñecemento do contorno próximo, participando da vida e dos recursos sociais.

Cada curso escolar planifícanse as saídas de cada aula en función das temáticas a abordar e das características evolutivas das diferentes etapas. Ao longo de cada curso cada aula programa unha media de 10 saídas.

 

 

Obradoiros de innovación

Obradoiros de innovación

Son actividades específicas vinculadas ao desenvolvemento de proxectos de investigación e innovación dende as aulas.

Nelas, recibimos a persoas ou entidades referentes en distintos ámbitos da vida social e cultural da nosa contorna que desenvolven actuacións na aula cunha forte significatividade para o alumnado.

Parten da idea de “aprender facendo” tendo un gran impacto na motivación e implicación do alumnado no proceso de aprendizaxe.

Festas Escolares

Festa entroido

As nosas celebracións vencéllanse a manifestación culturais; deste xeito, as festas son tamén un xeito de participar na comunidade, de coñecer e respectar o patrimonio cultural e simbólico.

As principais celebracións festivas do noso centro son: Nadal, Entroido, Letras Galegas e San Xoán.

De todas elas, a máis relevante é a de Entroido, na que celebramos a identidade que cada curso escollemos no marco do proxecto “Somos”.

 

Xestión da convivencia

A convivencia, como ámbito prioritario do noso proxecto educativo, está presente en tódolos espazos do centro e é responsabilidade de toda a comunidade educativa.

En Andaina potenciamos estas aprendizaxes desenvolvendo actividades complementarias orientadas á xestión da convivencia escolar, con espazos e recursos específicos que reforzan as competencias persoais e sociais do alumnado.

Para facilitar estas propostas, contamos coa figura de Especialista en Convivencia, que forma parte do Gabinete de Orientación Psicopedagóxica.

 

Equipo de Coidados e Facilitación

Proxecto somos

O Equipo de Coidados e de Facilitación da Convivencia, están formados por alumnos e alumnas de primaria e secundaria respectivamente, que desenvolven un servizo orientado á mellora da convivencia no centro, poñendo en valor a importancia dos coidados, facilitando o clima, as relacións e a resolución de conflitos.

Este alumnado ten un espazo propio e reciben obradoiros de formación específica para desenvolver a súa actividade de voluntariado:

  • Prevención do maltrato e o acoso escolar entre iguais (Primaria)

  • Xestión, facilitación de grupos e mediación en conflitos (Secundaria).

Comisión de Lecer

Saídas escolares

A Comisión de Lecer está formada por un alumnos e alumnas de primaria que participan de xeito voluntario na xestión do seu tempo libre e dos espazos de ocio. Supón unha autoxestión do lecer dende uns valores de respecto, responsabilidade e cooperación.

O propio alumnado organízanse dentro da comisión, incorporando tarefas que supoñen dende o coidado e mellora do espazo físico ata dinamizar diferentes xogos e actividades lúdicas para os seus iguais. Buscan promover un patio inclusivo que:

  • Satisfaga as necesidades do conxunto do alumnado.

  • Ofreza oportunidades de xogo variadas, coeducativas e igualitarias.

  • Axude a mellorar os vínculos.

  • Promova o coidado e o respecto medioambiental.

 

Colabora-LAB

Obradoiros de innovación

Un espazo autoxestionado polo alumnado de secundaria, con colaboracións puntuais de terceiro ciclo de primaria, onde a mocidade desenvolve propostas artísticas e audiovisuais para sensibilizar ao conxunto da comunidade educativa e favorecer a transformación social.

Dende este espazo dinamízanse diferentes campañas e obradoiros a nivel de centro:

  • Campaña “Do 25N ao 8M” nos meses de novembro e marzo, onde se desenvolven diferentes propostas contra as violencias machistas e en prol da igualdade de xénero.

  • Campaña “Stop Maltrato” no mes de maio, onde se dinamizan diferentes actividades de sensibilización para a prevención do maltrato e o acoso escolar.

  • Efemérides de “Apoio ao colectivo LGBTQI+” ao longo do curso celebramos e facemos diferentes actividades de visibilidade e apoio á diversidade afectivo- sexual e familiar.