Estadías 2018

 

No proxecto lingüístico do centro Andaina enténdense as linguas como instrumentos que utilizamos para representar o mundo, para construír as nosas identidades, para relacionarnos coas persoas que nos rodean, para levar a cabo as nosas actividades diarias...

Así, aprendemos unha lingua cando a usamos para facer cousas interesantes con outros. O contexto, o xesto, a intención comunicativa e as emocións que cada uso concreto comporta é o que propicia a aprendizaxe dunha lingua.

A aplicación dunha metodoloxía comunicativa de ensino-aprendizaxe das linguas dá lugar a clases de lingua ricas en traballos grupais, aprendizaxe cooperativa, utilización frecuente de recursos audiovisuais e informáticos, uso de libros de lectura, dramatizacións e xogos comunicativos... é dicir, todo aquilo que facilita a posta en práctica dunha lingua estranxeira.

Neste marco, en Andaina posibilitamos cada curso escolar o programa de estadías de inmersión lingüística no Reino Unido, ofrecendo ao alumnado que así o desexe a oportunidade de ir máis aló das paredes da aula e vivir unha situación de inmersión lingüística en contexto nativo.

En concreto, trátase dunha estadía en Peterborough durante a que os estudantes conviven cunha familia inglesa e asisten a un programa de formación lingüística. Complétase todo isto cun calendario de actividades de ocio e lecer que implican a integración e uso da lingua en contextos reais.