
O proxecto educativo
O proxecto principal de Andaina Cooperativa é a xestión dun centro educativo de formación regrada que abrangue as etapas de 2º ciclo de Educación Infantil (3-6), Educación Primaria (6-12) e Educación Secundaria Obrigatoria (12-16). Na actualidade estamos en proceso de implantación de dobre liña no centro, chegando no curso actual ata o nivel de 2º de Primaria.
Liñas básicas que nos definen
Favorecemos o desenvolvemento harmónico de tódalas potencialidades dos nenos e nenas, a través dun traballo compartido de diferentes profesionais (titores e titoras, especialistas en Linguas, Ciencias, Artes, Educación Física, persoal do Departamento de Orientación, etc.), para entre todas e todos crear un proxecto educativo coherente dende as primeiras idades ata o final do ensino obrigatorio.
- Aprendendo a aprender: Ensinando estratexias que permitan a aprendizaxe autónoma en calquera eido.
- Aprendendo a ser: Definímonos como un centro laico, que contribúe a formar persoas educadas en valores democráticos: cooperación, tolerancia, respecto, iniciativa e que se desenvolvan con autonomía e seguridade emocional.
- Aprendendo a convivir: Desenvolvendo habilidades e estratexias para a convivencia, o traballo en equipo e a cooperación.