O proxecto educativo
O proxecto principal é a xestión do CPR Plurilingüe Andaina que abrangue as etapas de 2º ciclo de Educación Infantil (3-6), Educación Primaria (6-12) e Educación Secundaria Obrigatoria (12-16) con concerto educativo en todas as etapas. O centro dispón de dúas aulas por cada nivel ata 2º de Secundaria ao estar en proceso de implantación progresiva, alcanzando o máximo de 690 alumnos/as nos próximos cursos escolares.
Liñas básicas do proxecto
Favorecemos o desenvolvemento harmónico de tódalas potencialidades dos nenos e nenas, a través dun traballo compartido de diferentes profesionais (titores e titoras, especialistas en Linguas, Ciencias, Artes, Educación Física, persoal do Departamento de Orientación, etc.), para entre todas e todos crear un proxecto educativo coherente dende as primeiras idades ata o final do ensino obrigatorio.
- Aprendendo a aprender: Ensinando estratexias que permitan a aprendizaxe autónoma en calquera eido.
- Aprendendo a ser: Definímonos como un centro laico, que contribúe a formar persoas educadas en valores democráticos: cooperación, tolerancia, respecto, iniciativa e que se desenvolvan con autonomía e seguridade emocional.
- Aprendendo a convivir: Desenvolvendo habilidades e estratexias para a convivencia, o traballo en equipo e a cooperación.